Quen somos?
Author: cognitaria - Date: Outubro 19th, 2007
A asemblea de precarias en formación aparece a comezos do curso 2007-08 na Coruña como un proxecto de autoorganización horizontal que procura radiografiar as mutacións nas relacións saber/traballo, saber/renda, saber/poder, etc. Dotarnos de mapas en proceso precisos para orientar os nosos movementos, repensar e recompoñer continuamente a acción política en termos de crítica e alternativa á institución universitaria.
-
O proceso de masificación que comezaba fai tres décadas na universidade española, i especialmente o seu definitivo devir empresa logo de complexos procesos de desterritorialización/captura/reterritorialización, ten evidenciado a rotunda obsolescencia daquel discurso obreirista que cristalizaba na consigna de “queremos un ensino público, democrático e de calidade” dos 70.
-
Ao longo do último medio século a institución universitaria vivenciou unha serie tránsitos desde a Universidade-Élite á Universidade-Masa e, definitivamente, de cara á forma vixente da Universidade-Empresa. Os devires políticos i económicos non son algo alleo ao propio devir da institución universitaria, tampouco o é o devir das loitas sociais que se dan dentro e fora da institución académica. As transicións desde a Universidade-Élite á Universidade-Masa inicianse no estado español nos derradeiros anos do franquismo, nun contexto europeo e global onde as loitas da xuventude, dos estudantes e dos obreiros esixiron a materialización do dereito ilustrado a unha educación para todas. En contraposición coa Universidade-Élite, é dicir; unha universidade na que a clase social determina a accesibilidade aos estudos, articulada non por casualidade co fin de proveer de cadros directivos ás estructuras de gobernación política, económica e cultural, a nova Universidade-Masa construirase segundo os criterios compensatorios do welfare state, en resposta tamén ao crecemento dunha clase media profesional en ascenso. Porén, a Universidade-Masa e a súa promesa dunha democratización do acceso legalmente garantida polo Estado, nace xa en crise. Como resposa ás loitas sociais que percorren o mundo na década dos sesenta e os setenta, a gobernanza capitalista responde cunha reestructuración do seu sistema tecno-productivo (globalización e deslocalización, management postfordista e “xiro lingüístico” da economía) e cunha violenta contrarevolución neoliberal nos cinco continentes, abocada a desmantelar aquel modelo universalista do welfare state e, por extensión, destinada a desmantelar tamén a Universidade-Masa.
-
Hoxe, a Universidade-Élite renace baixo a forma das universidades privadas de prestixo ao tempo que a Universidade-Masa xira cara os modelos neoliberais. No momento actual, en plena Sociedade da Información e do Coñecemento, cando o paso pola universidade tende a convertirse nunha condición xeral da forza/traballo, as tecnocracias neoliberais están tentando por todo-los xeitos introducir novos filtros de acceso, co fin de reducir o corpo universitario segundo os requerimentos do mercado. Os criterios clasistas reintrodúcense de novo para o alumnado (encarecendo as matrículos, reducindo as bolsas, establecendo os masters e postgraos como única vía de acceso ao traballo), á vez que o traballo precario, flexible e temporal se extende entre as investigadores, os profesoras e o conxunto da plantilla das universidades (servicio de limpeza, de reprografía, de cafetería, etc.). Cun mercado de traballo saturado e cunha expansión interna das formas de precariedade postfordista, a universidade pública dá o salto desde a fábrica de cadros á fábrica de precarias. Mais, as relacións entre saber e traballo nas que se articulan os intentos de constituir a Universidade-Empresa pasan por transformacións aínda máis profundas.
-
Afastada daquelas orientacións funcionais, a masificada universidade contemporanea constitúe un espazo enorme de cooperación social, coa posta a traballar da vida; no momento en que absolutamente todas as capacidades humanas son transformadas polo réxime de producción postfordista en instrumento de valorización económica, a institución universitaria aparece como dispositivo biopolítico de captura. A universidade configúrase, pois, como modo de mando desta cooperación que vai alén do que acontece dentro das aulas e os departamentos. Non se trata tan só de saberes especializados, adquisición de capacidades profesionais que son xa unha forma de traballo, senón tamén daquel concepto marxiano de general intellect; un intelecto xeral que comprende a potencialidade productiva de coñecimentos comúns formais e informais, imaxinación, inclinacións estéticas, prestacións/xogos lingüísticos, etc e a tendencial centralidade do traballo virtuoso -traballo fin en si mesmo, que non deixa como conclusión un producto físico, definido-; a conversa máis frívola, a creación de mundos, de formas de vida xuvenil son tamén unha forma de producción non remunerada.
-
A unidade entre traballo e non-traballo, vida e producción, engadida á devaluación do título no mercado e a descaradamente pobre inclinación subxetiba do alumnado -vencellada ao derrumbamento da cultura humanista- fai do cinismo o modo de estar nos campus; un contacto permanente con equiparacións formais/ficticias que causa unha frustración existencial, stress, ansiedade... Estúdase na universidade tan só para valorizar unhas cualidades profesionais no mercado, e polo xeral acábase cunha importante composición técnica ao servizo do traballo asalariado precario.
-
A proposta política da asemblea de precarias en formación está inspirada nunha nova realidade de loitas a nivel global. As experiencias autoorganizativas do precariado cognitivo en éxodo téñense amosado como un excelente modo de superación da crise dun movemento estudantil atrapado no anacronismo entre un discurso e unhas formas organizativas, enredadas nunha constelación conceptual propia da modernidade, con respecto a unha universidade que non escapa ás realidades contemporaneas nas que o cambio é a única constante.
-
Percorramos pois o éxodo! O éxodo non é un retroceder fronte ás realidades globais contemporaneas cara o Estado-nación e o ensino “público, democrático e de calidade” welfarista. O éxodo é unha forma de desobediencia radical que vai alén de romper cunha reforma ou unha lei concreta -non a boloña, non á lou...- mediante o cuestionamento da faculdade mesma de mando do poder soberano e os fundamentos da súa validez. A idea non é xestionar a universidade, senón abrir multitude de experiencias de autoorganización das formas de coñecemento e de vida aínda por descubrir. Isto significa contemplar a desobediencia en senso positivo, constituínte. Unha concepción moi afastada de estratexias de propaganda política radicaloide.
-
A autoformación preséntase como unha estratexia de fuga; non se trata de camiñar polos circuitos dun laberinto á procura das diferentes chegadas predefinidas, senón precisamente de negar o fundamento da encrucillada, transformando as condicións en que o conflicto se desenvolve.
-
Aprobeitar a posibilidade de recuperar os recursos públicos detentados pola Universidade en potentes proxectos autoxestionados de producción e socialización de coñecemento que desborden os espazos estudantís, construir unha esfera pública non estatal; un laboratorio colectivo definitivamente nada excluínte. Abrir espazos de conexión alén dos ámbitos académicos certificados; con absolutamente todas as realidades fracturadas do precariado: movementos sociais, traballadoras sexuais, freaks varias, coidadoras, migras...
-
Interferencias, estimulantes canles de creatividade i expresión, non de representación.
chuzame -