::proxecto|sociedade de control[presentación]::
Comments: 0 - Data: novembro 13th, 2007 - Categorías: ::Investigación*Formación::, ::sociedade de control::
Presentamos o noso primeiro proxecto de formación*investigación autónoma; sociedade de control. Comeza o éxodo.
Asembleas abertas todos os xoves ás 20:00h no CS A Treu!
r/san Xosé nº2(baixo)
Montealto-A Coruña
QUE TEÑEN EN COMÚN CÁRCERE, escola, fábrica, cuartel e hospital? A individualización, a vixianza e o disciplinamento dos corpos ante o Ollo do Poder. Os seus respectivos espazos articúlanse en dous ambientes. Por un lado, un lugar elevado, desde o que o poder observa (arquitectura panóptica; a torre central no cárcere, a tarima na aula). Do outro, un espazo no que os individuos son ubicados aislados uns dos outros, pero enfrentados á visión do poder (na cela, no pupitre, no posto de traballo). Esta era a tese de Michel Foucault en 1975; que estas arquitecturas se levantaban para producir individuos dóciles e disciplinados, pero tamén algo máis. O método empregado era dobre: vixiar e castigar. O castigo debe entenderse no seu senso etimolóxico máis literal. Vén do latín castigare, isto é; castus (casto) e agere (facer). En última instancia, a máquina disciplinaria exercía un poder que buscaba producir normalidade (facer casto). Mediante o castigo e a observación desexa producir suxeitos “normais” ou, dito doutro modo, dominar mediante a normalización. [Ler+]
-
Durante os anos sesenta e setenta, todas as maquinarias disciplinarias entraron en crise. A xuventude, as tolas, as revolucionarias, as poetas, as intelectuais e as marxinais, como diría Michel De Certau, tomaron a palabra, e fixeron tremer os cementos das fábricas, do fordismo e o taylorismo, das escolas e universidades, da familia disciplinar e o psiquiátrico. Ao tempo que nacía a sociedade do espectáculo (Guy Debord), a contracultura rebelde enunciaba o seu Gran Rexeite frente a esta sociedade disciplinar. As loitas anti-imperialistas, que se estaban a suceder desde os cincuenta, e que finalmente desembocaron nos procesos de descolonización, atacaban tamén o principio xeodisciplinador da macropolítica fundamentada no Estado-Nación. As maquinarias capitalistas reaccionaron reinventando os seus propios diagramas de poder. Da sociedade disciplinar pasouse ao que Deleuze chamaría a sociedade de control. A sociedade de control subsume o espectáculo e o simulacro, incorporandoo no seu diagrama como dispositivo semiótico de modulación serial da subxetividade (Félix Guattari). Pero o control vai alén dos mass media e dos departamentos de marketing. As institucións e as funcións disciplinarias perviven na sociedade de control; incluso algunhas das súas institucións, por exemplo a prisión, adquiren magnitudes significativamente maiores. Non obstante, son agora rescritas nas claves dun novo tipo de poder (o biopoder) e unha lóxica diferente (a racionalidade actuarial e probabilística). Máis que sobre suxeitos individualizados, o biopoder exércese sobre as poboacións ou “especies” que produce (as franxas horarias, os target publicitarios, os grupos de risco), e faino seguindo a lóxica da previsión actuarial. É dicir, reprime, sanciona, ou encarcela, diagnostica ou medica, en función dos a priori probabilísticos do risco, cálculos matemáticos sobre a probabilidade futura da perigosidade das especies sociais (Alessandro de Giorgi). Isto acontece, diría Ignacio Lewkowicz, ao mesmo tempo que a vontade iluminista do facer-casto disciplinar (rehabilitar, normalizar, educar) é suplantada cada vez máis pola lóxica da expulsión (ás banlieus e as vilas-miseria, fóra do mercado laboral, en cárceres sen vontade nengunha de rehabilitar). Outro cambio fundamental prodúcese na arquitectura do poder. A lóxica disciplinar do encerro é tendencialmente mudada por un espazo liso onde se exerce un control continuo. Se na sociedade disciplinar o poder funcionaba mediante o confinamento dos suxeitos en espazos pechados (fábricas, escolas, etc.), na nosa sociedade o control exércese de forma ubicua dentro e fóra dos muros e, tamén, dentro e fóra dos corpos. Nas rúas proliferan a video-vixianza e os GPS; a educación tranfórmase nunha “formación continua” a mercede da institución académica e os contratos de prácticas; o chantaxe do traballo cambia o control de tipo disciplinar (emprego-para-toda-a-vida) polos novos mecanismos da flexibilidade e a temporalidade precaria; o control técnico do corpo introdúcese pel adentro nos xenomas; como suxire Mike Davis, o propio urbanismo reestructurase para servir ás novas lóxicas, funcións e formas da exclusión e da sociedade de control.
-
De ningún modo a institución universitaria é allea a esta disposición social do poder. Moi pola contra, as distintas disciplinas académicas informan os dispositivos contribuíndo a crear as “especies” sociais normalizadas, ofrecendo datos, informes e propostas de control, así como diferentes medios de lexitimación. Ao mesmo tempo, o funcionamento estructural da universidade cada vez mimetízase máis coa lóxica da sociedade de control. Frente ao vello modelo fordista-keynesianista (disciplina e welfare state), presenciamos a emerxencia dunha universidade postfordista, cada vez máis supeditada ao control empresarial e subsumida na lóxica da precariedade. O Plano Boloña non é máis que un novo paso dado nesta dirección. En oposición a estas realidades mencionadas, i en tanto que activistas-investigadoras, a asemblea de precarias en formación desexa contribuir a crear espazos de disidencia e crítica. Con esta intención comezamos a organizar un proxecto de análise da sociedade de control. O obxetivo é discutir i elaborar coñecementos e ferramentas teóricas coas que lograr aprehender e interpretar unha realidade que a nosa praxeteoría desexaría transformar.
Deixa un comentario